O roteiro comeza e Guitiriz, capital do concello, onde está a igrexa de San Xoán. Saímos do pobo en dirección norte ata chegar ó Pazo, dirixíndonos logo por camiños veciñais en dirección oeste ata chegar a Pardiñas, coñecido polo seu balneario de augas sulfuro sódico fluoradas, indicadas para afeccións hepáticas e doenzas biliares e do aparato dixestivo. Continuando cara o oeste, internámonos xa no MVMC de San Xoán de Lagostelle, e tras pasar a lagoa artificial existente no límite co MVMC de Santa Mariña, ascendemos por pistas forestais en dirección norte ata a área recreativa de San Xoán, atravesando as repoboacións de piñeirais e frondosas do monte veciñal.

Chégase á área recreativa de San Xoán bordeando o encoro do mesmo nome, onde poderemos disfrutar do sosego da natureza, visitar a Aula Forestal, refrescarnos na fonte e no estanque existente, e apreciar a gran variedade de especies arbóreas que medran na zona. Retomando a ruta dende a área recreativa en dirección sureste, atravesamos de novo o monte de San Xoán, ata chegar ó lugar de Cezar e despois ó Pazo, dende nos diriximos de volta a Guitiriz.