A parroquia do Buriz está situada ó norte do concello de Guitiriz, a uns 11 km aproximadamente do núcleo municipal. Esta formada por 32 entidades poboacionais: A Abeleira, O Buriz, Bustelo, Campoverde, Carelo, O Corral Vello, Corvite de Abaixo, Corvite de Arriba, A Costeira, A Cova, A Fontecribo, O Forno, A Forxa, A Graña, O Grueiro, A Lagoa, As Mezoiras, A Mouteira, O Pedrazón, A pedreira, As Penas, O Penediño, O Penedo, O Portelo, Rebordelo, Riotorto, San Cibrao, O Sandiño, A Ventisca, O Vilariño, Xestoselo, Xiá.

 O Buriz posúe un gran patrimonio histórico cultural, así, conserva numerosos restos da cultura castrexa, como poden ser: “O Castro do Forno" ou “Castro da abeleira”, así como petroglifos entre os que destacan  “Petroglifo  Agro das Calzadas", ou petroglifo de "Pena Vicuda".

A igrexa parroquial de San Pedro do Buriz está situada na aldea de Graña. Destaca a súa fachada do Século XVII, cunha capela da virxe do Carme de 1763 e imaxinería do século XVIII e na sancristía a cruz procesional de prata e unha “ara romana”, que actualmente está situada no atrio unido a un pedestal circular. Destaca tamén o “Calvario da Graña” situado nese mesmo lugar no atrio exterior da igrexa. O cruceiro que forma parte dese calvario chama a atención pola decoración do seu fuste cunha semicolumna ornamentada con cadeas e un galo,atributos do patrón San Pedro que representan seu triple encarceramento e súa negación e arrepentimento respectivamente. Xunto có calvario da Graña, podemos ver o “cruceiro de Riotorto” situado nunha encrucillada de camiños preto da aldea de Riotorto, conserva unha inscrición indicando os seus promotores e a súa data

Ademais da igrexa parroquial, o Buriz posúe fermosas capelas como a capela da nosa Señora de Fátima, en Corvite de abaixo, ou a capela da N.S de Lourdes, situada na aldea de Xestoselo.

As festas patronais do Buriz son na honra a San Pedro o primeiro fin de semana despois do San Xoán. Ademais do San Pedro, no Buriz celebrase o último fin de semana de maio  a “Festa do Carme”, que é coñecida popularmente como a festa da xuventude.