O Concello de Guitiriz, a través do seu departamento de Igualdade xestionado directamente pola alcaldesa Marisol Morandeira, continúa co seu decidido labor de concienciación sobre a secuela da violencia machista e programou para este mes unha serie de actos para conmemorar o Día Contra a Violencia de Xénero, que terá lugar o próximo 25 de novembro e para o que se quere involucrar a toda a sociedade.

Outro ano máis, o Concello adheriuse á campaña ‘En negro contra as violencias’, mediante a cal se tinguirán de negro tanto os espazos públicos como os diferentes establecementos do municipio. No Concello colgarán pancartas cos lemas ‘Guitiriz en Negro e ‘Pola igualdade, Concello de Guitiriz contra a violencia’. Aqueles particulares que estean interesados en contar co material da campaña deben poñerse en contacto co Concello.

Ademais, o 30 de novembro ás 19 horas na Casa Habanera haberá unha obra de teatro dirixida ao público adulto e titulada ‘Daqueles polvos estes lodos’. Para os máis pequenos programouse para o propio 25 de novembro un contacontos titulado ‘Contos de nenas grandes e pequenas” nos distintos centros educativos de Guitiriz. No CEIP Lagostelle haberá dúas sesións, unha ás 10:00 h. e outra ás 11:30 h. No CEIP Santo Estevo de Parga a sesión será ás 15:00 h. O obxectivo desta acción é traballar de base na sensibilización e no empoderamento das nenas desde a
infancia. Os escolares do municipio tamén levan traballando neste sentido durante todo o curso a través do programa ‘Pisando estereotipos’, que ten o obxectivo de axudar a previr condutas machistas.

O propio 25 de novembro o Concello de Guitiriz organizará un acto institucional para condenar todo tipo de violencia machista e que ademais servirá para inaugurar un mural no que se recollerán as historias de vida das 66 mulleres vítima de violencia de xénero que se contabilizaron ao longo deste ano.