A historia de Guitiriz está moi influenciada polas diversas culturas que pasaron polo noso pobo. Así, o nome de Guitiriz debémosllo ó Rei Suevo Witerico (de Guitiriz), que é a quen se lle atribúe a fundación da Vila, aló polo Século VI.
Varios son os lugares que deixan constancia de que os suevos estiveron por aquí, como son Mariz, Buriz, Amariz…. A terminación “iz” é característica de este pobo.
Os suevos non foron os únicos que estiveron por estas terras, senón que foron varias as poboacións que deixaron a súa pegada en Guitiriz.
Así, en Guitiriz temos exemplos da Cultura Epipaleolítica como pode ser o “Xacemento de Pena Xiboi” do ano 5000 e 8000 A de C.
En Guitiriz tamén quedan pegadas da “Cultura Megalítica” como son as Mámoas, Modias ou Medorras, entre as máis significativas destacan: Medorra de “As Penas das Portas Gallas” en Portas Gallas no Buriz, “Medorra do Galiñeiro” en Serra da Loba en Labrada,”Medorra de A Tolda “ en Parga e un longo etc......Algunhas, consérvanse en estado aceptable e outras das que só hai constancia do nome grazas ós nosos maiores.
A Cultura Castrexa deixou unha forte impronta no noso pobo, así temos infinidade de Castros espallados pola zona. A meirande parte están na cima dun monte, ocupando unha posición dominante sobre o territorio. Teñen forma circular ou oval e, en moitos casos, teñen antecastros con función defensiva e de cobixo para os animais.
Sen embargo a presenza máis significativa e da que temos máis exemplos é a dos Romanos, xa que estas terras foron lugar de paso da vía romana que unía Lucus Augusti con Brigantia, polo que algúns autores, sitúan aquí o antigo Caranicum dos romanos.
Na Idade Media chegan as influencias Monacais, quedando as distintas Terras de Guitiriz supeditadas ós mosteiros de Monfero e Sobrado, así as terras de Mariz, Negradas, San Breixo e Sta Leocadia pertencen o “Mosteiro de Sobrado” e as terras Labrada , Buriz e os Vilares o” Mosteiro de Monfero”.
No ano 1834 cando se crearon os concellos, éste chamábase de Trasparga e tiña a súa sé a beira da actual N- VI; foi trasladado á poboa de Parga por motivos de seguridade e máis tarde voltou á ubicación inicial. Xa en pleno S.XX, se sitúa no actual emprazamento: Guitiriz.
|