O programa 'Guitiriz en Ruta' segue en marcha na súa cuarta edición e presenta para os vindeiros meses unha andaina mensual. Estas actividades de sendeirismo serán de balde no caso de que se celebren dentro do municipio, e terán un custo de 5 euros excepto para nenas e nenos nas programadas fóra. Para asistir é necesario inscribirse no 982 37 01 09 ata as 14:00 horas do día anterior á ruta.

A primeira destas andainas será a 'Ruta da Auga e da Pedra', que terá lugar o domingo 30 de xaneiro con saída desde a praza do Campo da Feira ás 10:00 horas. En febreiro, concretamente o domingo 20, celebrarase a 'Ruta do Río Requeixo', partindo ás 10:00 horas de San Alberte.

No mes de marzo chega a primeira excursión fóra de Guitiriz, coa 'Ruta das Fragas do Eume' o día 20. Desta vez, a saída será ás 09:00 horas desde o Campo da Feira e como a actividade durará toda a xornada, as persoas participantes deberán levar o seu xantar. Para o seguinte mes será o turno da 'Ruta da Cova da Serpe', partindo ás 10:00 horas da Casa da Escola das Negradas.

A programación seguirá en maio coa 'Ruta do miradoiro da Terra Chá en Outeiro de Rei', que terá lugar o domingo 29, partindo ás 09:00 horas do Campo da Feira. Esta actividade pasará tamén pola área de lecer de Penas de Rodas.

'Guitiriz en Ruta' xa dera comezo o pasado mes de decembro, coa andaina 'Coñecendo as nosas pertenzas', con Minerva Varela Sáa como guía. Nas vindeiras semanas, o Concello de Guitiriz aportará un pequeno avituallamento para as rutas que se celebren fóra do municipio e en todo momento seguirase o protocolo COVID establecido.