As fragas cos seus pequenos regatos e as simpáticas personaxes creadas pola imaxinación ao contemplar os grandes bolos de granito caracterizan esta senda. Estas fermosas paisaxes serviron de fonte de inspiración dos poemas de Xosé María Díaz Castro, impregnados da relación do home coa terra, a través da visión da vida dos seus veciños de aldea. A ruta comeza no lugar do Vilariño, a carón da casa de nacemento do poeta , camiñando entre carballos, bidueiros e castiñei ros chégase á casa dos antigos canteiros, testemuña dunha das profesións máis representativas do lugar. A ruta adéntrase por camiños de terra onde os diferentes valados de pedra delimitan unha paisaxe tocada pola man do home, debuxando un mosaico de prados alternado con bosques naturais. A través dunha variante, pódese reducir a distancia ao Buriz e visitar o petróglifo “O Agro das Calzadas”. A ruta tamén presenta dúas derivacións, unha que nos leva ao cruceiro de Riotorto e outra a Porto Muíño onde podemos ver os restos dun muíño e dun antigo lavadoiro, onde o poeta, camiño da escola, soía facer unha parada para falar coas mulleres que alí acudían a lavar a roupa, lugar que aparece representado a través dos versos do poema de “Vísperas”.

Descarga o folleto da ruta