O Concello de Guitiriz abre o prazo para enviar as solicitudes para participar durante o curso escolar 2021-2022 en ‘Guitiriz Concilia’, o servizo de conciliación municipal da vida laboral e familiar.

Esta actividade levarase a cabo no CEIP Lagostelle e hai a opción de ‘Guitiriz Madrugador’ de 8 a 9:30 horas para atender aos nenos e nenas antes da entrada na escola e ‘Guitiriz Tardes’ de 16 a 19 horas para o horario posterior ao colexio. Nos meses de xuño e setembro polas tardes comezará ás 15:15 horas.

Estableceuse unha taxa para todo o curso, que varía segundo a modalidade que se escolla. No caso de ‘Guitiriz Madrugador’ se se anotan máis de 3 días por semana terá un custe total de 75 euros, 1 ou 2 días por semana serán 50 euros e un máximo de 3 días ao mes será de 20 euros. Para o ‘Guitiriz Tardes’, máis de 3 días por semana suporá un total de 100 euros, 1 ou 2 días por semana 75 euros e un máximo de 3 veces ao mes 35 euros.

As crianzas poderán participar nas propostas de actividades que se levan a cabo, xogar nos diferentes recunchos que se ofrecen ou realizar as súas tarefas e estudar se así o desexan. Favoreceranse actividades e propostas relacionadas co xogo grupal e non competitivo, relacionadas coa igualdade e o respecto pola natureza.

O prazo para presentar as solicitudes finaliza o 2 de setembro e o servizo iniciarase o 9 de setembro. As familias interesadas poden presentar a documentación requirida a través da sede electrónica municipal ou de xeito presencial con cita previa no 982 370 109.

Debido á situación excepcional xerada pola COVID-19 o número de prazas e ratios pódese ver modificado ou alterado. No caso de que existan máis solicitudes que prazas terase en conta: familias nas que ámbolos membros parentais estean a traballar, familias empadroadas no Concello de Guitiriz e familias en situación de especial vulnerabilidade.

Descarga o DÍPTICO

SOLICITUDE DE MATRÍCULA

CÁLCULO PAGO CONCILIA