Moi boas a todas e a todos,

Diríxome a vós, veciños e veciñas de Guitiriz, para darvos as grazas. Quedando nos vosos fogares, estades a ser un exemplo e estades a convertervos en actores protagonistas na loita contra a propagación do Coronavirus.

Grazas de corazón tamén á xente que ten que acudir aos seus postos de traballo ao desempeñar unha función esencial para o funcionamento da sociedade. Traballadores sanitarios, sodes heroínas e heroes. Pero tamén o son a xente das forzas de seguridade e do sector servizos, o persoal dos establecementos de alimentación, os nosos traballadores e traballadoras municipais, os traballadores agrícolas, os das gasolineiras, librerías, estancos... 

Nunha situación excepcional como a que atravesamos non podemos esquecernos nin o faremos dos nosos maiores e das persoas máis dependentes ou vulnerables. Estaremos ao voso lado grazas ás traballadoras do SAF, que non deixan de demostrar que son un dos servizos máis importantes que pode ofrecer un Concello. Grazas polo voso esforzo.

Desde o goberno local de Guitiriz en xeral, e eu pola miña parte como alcaldesa, queremos transmitirvos moito ánimo e moita forza para o que vén. Estamos á vosa disposición para o que necesitedes e cando o necesitedes, é o noso deber e a nosa responsabilidade.

Sei que as medidas que tivemos que aplicar son duras, tanto a nivel social como económico. Facémolo polo ben de todos e todas e necesitamos a vosa colaboración. Seguide as recomendacións das autoridades sanitarias: non saiades das casas máis que para o estritamente necesario, lavade frecuentemente as mans e evitade o contacto coas persoas de risco, como os máis maiores e os máis pequenos. Entre todos conseguirémolo, estou segura.

Moito ánimo! 

A alcaldesa,
Marisol Morandeira