O Concello de Guitiriz organiza tres xornadas deportivas de verán dirixidas á mocidade do municipio. Levaranse a cabo no mes de xullo e substituirán ao habitual campamento estival, que este ano tivo que suspenderse debido a que as medidas de seguridade que esixe a crise sanitaria actual fan que sexa moi complicado desenvolvelo con normalidade.

O luns, 6 de xullo, haberá unha saída a Valdoviño para facer paddle surf. O venres, 10 de xullo, volverase a Valdoviño pero neste caso para facer surf e visitar o Museo do Surf. Por último, o martes 14 de xullo a saída será a Viveiro para facer kayak e visitar o parque de aventura do monte de San Roque.

As xornadas están dirixidas a rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 10 e os 18 anos. O prazo para anotarse estará aberto desde o luns 8 de xuño, ata o venres 19 de xuño e hai un máximo de 42 prazas para cada xornada, tendo preferencia os empadroados en Guitiriz.

Os interesados e interesadas deben acudir ao Concello para cumprimentar a documentación e firmar os permisos. Debe solicitarse cita previa para evitar aglomeracións.

Prezos
Cada actividade ten unha cota de 20 euros, excepto a saída a Viveiro que custa 25 euros. Os que se apunten a dúas actividades terán 10 euros de desconto e, os que participen en tres, 20 euros de desconto. A diferencia será abonada polo Concello. Os non empadroados non optarán a estes descontos.

Xornada informativa
O venres, 26 de xuño, haberá unha reunión informativa no pavillón municipal cos pais e nais para explicarlle o plan das xornadas, o protocolo sanitario que se seguirá, etc.