A capela de San Alberte acolleu onte, domingo 1 de agosto, a presentación do XLII Festival de Pardiñas, organizado pola Asociación Xermolos, que se celebrará do 6 ao 8 de agosto e do 27 ao 29 de agosto e que aglutinará un ano máis música, arte, feira e festa.

A primeira quenda do festival comezará este venres, 6 de agosto, ás 20 horas, cun pasarrúas de Aire Xulia. Xa ás 21 horas o Campo da Feira de Guitiriz acollerá o pregón a cargo da poeta Luz Fandiño, acompañada do dúo Acordeireta e ás 22 horas haberá un concerto de Tiruleque.

O sábado, 7 de agosto, as actividades serán no campo da feira de Parga onde ás 11:30 horas comezará a XXVIII Mostra de Iinstrumentos de música tradicional organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, co seu pregón correspondente a cargo de Camilo Regueiro. Ás 13:30 horas 'Os Bregadiers' amenizaran as rúas e ás 14 horas haberá unha parada para o xantar, con pulpeira e churrasco. Pola tarde, ás 17 horas actuación de Galicia Fiddle e ás 19:30 horas está programado un concerto de Airiños da Freba.

Xa o domingo, 8 de agosto, e tamén no campo da feira de Parga, terá lugar a XLII Mostra de Artesanía, que abrirá ás 11:30 horas. A partir desa hora, animación musical, pasarrúas, xantar, un aberto de billarda e, por último, o concerto de Brassica Rapa.

A segunda quenda comezará o venres 27 de agosto no Campo da Feira de Guitiriz. Ás 20 horas pasarrúas de Asubíos da Chaira, ás 21 horas concerto cos irlandeses Backwest e ás 22:30 horas será Guezos o que ocupe o escenario. 

O seguinte día, sábado 28 de agosto, celebrarase a IV edición do Urban Witiricus, con obradoiros de graffiti durante todo o día e actividades dirixidas aos máis pequenos como o espectáculo de Paco Nogueiras. Ademais, haberá sesión de cine a cargo do IES Poeta Díaz Castro e terá lugar a entrega dos premios do XLII Certame Terra Chá de Creación Infantil e Xuvenil que serán entregados pola familia de Xela Arias e autores e autoras convidadas. Pola noite, a partir das 21 horas, os concertos do Urban Witiricus correrán a cargo de High Paw e Sabino.

O último día, o domingo 29 de agosto, estará dedicado ás aldeas de Pardiñas, por onde pasarán Os Carunchos. Deste modo, rematarán o encontro cunha sesión vermú e con máis música en directo na escola de Pardiñas.

Para asistir aos concertos o aforo será limitado polo que hai que estar rexistrado previamente. Pode facerse a través do correo concertospardinhas2021@gmail.com indicando nome e apelidos, teléfono e os concertos aos que se quere asistir. Rógase aos asistentes que estean 30 minutos antes para recoller a súa entrada xa que, se non o fan, as localidades quedarán dispoñibles ata completar aforo.

Descarga a programación completa