O Concello de Guitiriz ven de adxudicar por 356.050,21 euros, financiados a través de subvencións do IDAE e de Augas de Galicia, a Espina y Delfín SL o proxecto para a modernización da actual Estación de Tratamento de Auga Potable.
A actuación que se levará a cabo implica unha reforma integral da planta co obxectivo de implantar procesos de tratamento de vangarda cun alto grao de fiabilidade e abordar o tratamento da auga coas suficientes garantías tanto de cantidade como de calidade.

Un dos obxectivos principais dos traballos a realizar será a implantación dun tratamento específico para a eliminación do Ferro e do Manganeso, minerais detectados na auga do embalse de San Xoán en sucesivas analíticas. Para a nova ETAP contémplase o emprego dun potente oxidante de ozono a través dun proceso de preozonización que, ademais de permitir unha potente oxidación para o tratamento dos ións de Ferro e Manganeso, intervén na eliminación da materia orgánica e na eliminación dos malos sabores na auga.

Ademais, tamén se aplicará un tratamento para a eliminación do Aluminia a través dun sistema completo de control de PH e outro de filtración aberta cun recheo filtrante adaptado ás singularidades deste proceso. A nova estación adaptarase á normativa vixente sobre instalacións eléctricas e almacenamento de produtos químicos e contará cuns procesos actualizados e modernizados.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, destaca que “esta obra vainos a permitir afianzar os progresos que tivemos no 2020, un ano no que non se rexistraron episodios de turbidez na auga de Guitiriz grazas ás actuacións levadas a cabo” e explicou que “é moi necesario modernizala e actualizar o seu funcionamento para poder responder á demanda actual dos veciños e veciñas do municipio, que non é a mesma que no ano 1989, momento no que se construíu a ETAP”.