O Concello e a comunidade educativa de Guitiriz instan á Xunta de Galicia a que se pronuncie dunha vez por todas sobre o transporte dos escolares da parroquia de Pígara que cursaban os seus estudos de educación primaria no antigo CEIP de Baamonde e agora desexan matricularse nos colexios de Parga e Guitiriz.

Tralo peche do citado centro de Baamonde ao redor de 15 familias fixeron a reserva de praza dos seus fillos e fillas no CEIP Santo Estevo de Parga ou no CEIP Plurilingüe de Lagostelle. “A día de hoxe aínda non teñen confirmado o transporte escolar ao centro que escolleron pero, en cambio, outros nenos e nenas do CEIP de Baamonde que decidiron matricularse en Begonte si que o teñen”, destaca a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira.

Nin a dirección dos colexios de Parga e Guitiriz nin as familias contan coa confirmación oficial de que vaian a ter esa liña de transporte. Precisamente, un dos pais afectados púxose en contacto coa alcaldesa para saber se o Concello tiña algunha información e explicoulle que desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dinlles que esta conexión “está en estudo” a pesar de que previamente un inspector de Educación lles confirmara verbalmente ás familias que si que se habilitaría.

Marisol Morandeira púxose en contacto coa delegada de Educación en Lugo xa que “entendo que é ela a que ten que garantir a escolarización deses nenos e nenas no colexio que os pais e nais decidan dentro da súa área educativa” e desde a delegación argumentaron que era un tema competencia de Mobilidade e que eles só se podían interesar polo tema.

“Semella unha medida de presión para que as familias de Pígara tamén leven aos seus fillos e fillas en Begonte xa que, sen a confirmación do transporte, non poden arriscarse a matricularse en Parga ou Guitiriz como desexaban”, explica a rexedora que engade que “é raro que xa confirmasen a liña para Begonte e aínda non o fixesen para os centros do noso municipio”.

Morandeira subliña que “as familias non poden agardar máis a que se produza esta confirmación e simplemente, tanto desde o Concello como desde a comunidade educativa de Guitiriz, pedimos que se respecten as súas decisións e os seus dereitos”.