O Concello de Guitiriz enviou hoxe a ADIF o escrito de obxección para que non execute ningún proxecto de supresión dos pasos a nivel en Parga ata que se conte coa aprobación veciñal e institucional.

Polo momento esta aprobación non existe xa que a solicitude vai acompañada dun total de 94 sinaturas de veciños e veciñas de Parga que apoian esta petición, que foron recollidas na reunión celebrada o pasado 16 de xuño no pavillón do CEIP Santo Estevo e na casa consistorial, onde o documento estivo exposto ata o 23 de xuño.

Nese encontro consensuouse coa veciñanza o escrito que hoxe o Concello lle envía ao Administrador de Infraestructuras Ferroviarias despois de acadar o compromiso de ADIF de non executar o citado proxecto de supresión dos pasos a nivel se non existía un ambiente favorable.

“Tal e como está configurado Parga urbanística e socialmente a mellor alternativa é a construción dunha variante pero, sabendo que actualmente ADIF non contempla esta posibilidade e coñecidas as posibilidades reais actuais, o mellor é manter os pasos a niveis existentes”, incidiu a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira.

A rexedora agarda “unha pronta resposta” e lembra que “de todos modos pedimos que si se realicen actualizacións no sistema de seguridade dos pasos a nivel, incorporando as novas tecnoloxías”.