O Concello de Guitiriz programou unh serie de actividades para conmemorar o Día de Rosalía, que se celebra o 24 de febreiro. O obxectivo das accións deseñadas é exaltar o que é propio, aproveitando que o 21 de febreiro tamén se celebra o Día da Lingua Materna.

As actividades comezarán mañá, mércores 12 de febreiro, co ‘Paraugas da Fala’ que se trasladará ao mercado a partir das 11:30 horas e dará a coñecer a figura de Rosalía de Castro e tamén da Biblioteca Pública Municipal da Casa Habanera a través de xogos, adiviñanzas, xeroglíficos, sopas de letras, música...

Xa está en marcha a segunda das accións programadas, denominada ‘Aquí e acolá’. A través desta iniciativa os veciños e veciñas dos concellos de Guitiriz e Pontesampaio están a intercambiarse correos postais nos que describen cadanseu pobo, a súa historia, tradicións, alcumes... O obxectivo é incentivar a escritura en galego a través da costume de enviar correos postais, que se está a perder na actualidade. Por último, o propio día 24, levarase a cabo un acto institucional na Casa Habanera polo que os membros do goberno local e todos os veciños e veciñas de Guitiriz que o desexen poderán ler en público un texto de Rosalía de Castro.