O Concello de Guitiriz solicitou á Xunta de Galicia que mellore a seguridade viaria na estrada autonómica LU-242, un dos principais accesos á parroquia de Parga, co compromiso de asumir a titularidade desta cando se executen os traballos.

A alcaldesa, Marisol Morandeira, ven de enviar un escrito á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade expresando esta petición e solicitando unha reunión coa conselleira, Ethel Vázquez, para tratar o tema despois de manter un encontro esta semana co xefe de Servizo de Infraestruturas de Lugo, Gerardo Pallares.

Os traballos a realizar nos 2 quilómetros da vía consistirían na renovación do pavimento, que actualmente está moi deteriorado, e na instalación de pasos de peóns elevados para mellorar a seguridade dos peóns que transitan por ela. Ademais, no tramo urbano, duns 700 metros, pídese a construción de beirarrúas na marxe esquerda e o acondicionamento das cunetas xa que, pola súa profundidade, tamén implican un problema de seguridade.

Marisol Morandeira explicou que “as actuacións son moi necesarias xa que é unha estrada moi frecuentada, tanto por vehículos como por por peóns, e creo que é un acordo xusto xa que, cando se executen, temos a intención de asumir a súa titularidade desde o Concello”.