A Xunta de Galicia ven de informar de que os escolares de Pígara de educación primaria ou secundaria que desexen cursar os seus estudos nos centros de Parga ou Guitiriz Terán habilitada unha liña de transporte.

Así dase solución por fin á situación na que se atopaban tres familias desta parroquia que reivindicaban desde o ano 2019 o seu dereito a ter un transporte gratuíto para que os seus fillos e fillas se desprazasen ao IES Poeta Díaz Castro para cursar a ESO. O Concello sempre apoiou as súas demandas e, próximamente, publicará unha liña de axudas que lles permitirá sufragar o 50% dos gastos ocasionados por non contar co servizo de transporte escolar no último curso.

Esta é unha nova moi agardada en todos os sentidos xa que, ata esta mañá, ao redor de 15 familias de Pígara que xa fixeran a reserva de praza dos seus fillos e fillas no CEIP Santo Estevo de Parga ou no CEIP Plurilingüe de Lagostelle non tiñan confirmado o transporte escolar ao centro que escolleran.

As familias afectadas atopábanse nunha situación límite e esta mesma mañá tanto o Concello como a comunidade educativa de Guitiriz instaron á Xunta a que respectase as súas decisións e os seus dereitos e resolvese  canto antes esa situación de incertidume.