O Concello de Guitiriz abrirá a piscina municipal desde mañá, martes 6 de xullo, ata o 5 de setembro. As instalacións terán un horario de 14 a 21 horas durante os meses de xullo e agosto e de 15 a 20 horas en setembro.

A principal novidade para este verán é a posibilidade de obter as entradas ou os bonos cun prezo rebaixado se se compran previamente na casa do concello. O obxectivo desta medida é o de intentar ter un maior control do aforo e, ademais, reducir o diñeiro en efectivo na propia piscina. Por outra banda, esta primeira semana o acceso será gratis, comezando a pagarse a pagar o luns, 12 de xullo.

Así, o prezo xeral de acceso se a entrada se adquire na propia piscina será de 2 euros para todos, coa única excepción dos menores de 14 anos que poderán pasar gratis presentando o DNI ou unha fotocopia deste. Se o pase se recolle na casa consistorial pasará a ter un custe de 1 euro para os empadroados en Guitiriz e aqueles que posúan o carné xove, o universitario, sexan xubilados ou estean no paro só terán que pagar 0,50 euros. 

Ademais, no concello tamén hai bonos á venta. Un bono de acceso por 15 días para os empadroados ten un prezo de 10 euros mentres que para os non empadroados é de 25 euros. Estes non caducan e tampouco son nominativos. Ademais, ao igual que para as entradas, admítense os de outra temporada. 

O horario para adquirir as entradas ou os bonos no concello é de luns a venres de 8:30 a 14:30 horas.