Temario do proceso para o posto de conserxe

O Concello de Guitiriz tiña previsto comezar nestas datas o proceso para a selección, mediante sistema de oposición libre, de persoal funcionario interino para o posto de Conserxe do colexio ou das instalacións municipais. A paralización dos prazos administrativos é unha das medidas previstas no estado de alarma que estamos a vivir actualmente para conter a expansión do coronavirus, como tamén o é a obriga de permanecer nas casas. Por iso, o goberno local decidiu que, aqueles interesados ou interesadas en participar no proceso, poderían aproveitar este tempo de confinamento para preparar a oposición, que se publicará en canto a situación o permita. Así, adxuntamos nesta publicación o temario, coa parte teórica e práctica, que os aspirantes poderán ver posteriormente nas bases do proceso.

O procedemento de selección será o de oposición libre e consistirá na realización de dúas probas eliminatorias:

a. A primeira proba contará con dúas partes a realizar o mesmo día:

i. Unha de contido teórico: cuestionario tipo test de 50 preguntas (máis 3 de reserva) con 4 respostas alternativas das que só unha será correcta, sobre os temas da Parte Teórica do Temario. As respostas correctas valoraranse en 0,2 puntos, as incorrectas descontarán 0,067 puntos e as non contestadas non penalizarán. O tempo máximo do exercicio serán 60 minutos e esixirase acadar como mínimo 5 puntos.

ii. Unha de contido práctico: cuestionario tipo test de 15 preguntas (máis 2 de reserva) con 5 respostas alternativas, das que só unha será correcta, sobre os temas da Parte Práctica do Temario. As respostas correctas valoraranse en 0,6 puntos, as incorrectas descontarán 0,3 puntos e as non contestadas non penalizarán. O tempo máximo do exercicio serán 60 minutos e esixirase acadar como mínimo 5 puntos.

b. A segunda proba será a de coñecemento de galego. Quedará exento quen acredite estar en posesión do CELGA 3 ou superior.

 

TEMARIO

PARTE TEÓRICA
1.- A Constitución Española de 1978. Nocións Xerais. Deberes e dereitos fundamentais. Organización territorial do Estado. As Comunidades Autónomas. As Entidades Locais.

2.- O municipio. Organización municipal. Competencias. O alcalde. O Pleno. A organización municipal do Concello de Guitiriz.

3.- O procedemento administrativo común.

4.- O persoal ao servizo das Entidades Locais: concepto e clases. Dereitos, deberes e incompatibilidades.

5.- Localización e denominación das principais instalacións do Concello de Guitiriz. O municipio de Guitiriz. Parroquias. Límites xeográficos.

6.-  Seguridade en edificios. Instalacións de protección contra incendios. Evacuación e outras medidas e pautas de actuación ante incendios e emerxencias. Prevención de riscos laborais. Seguridade e hixiene no traballo.

 

PARTE PRÁCTICA
1.- Control de accesos e custodia das chaves. Control e repartición de material e reposicións. Recollida e traslado de aveños.

2.- Información e atención ao público: persoal e telefónica. Realización de fotocopias. Recollida de partes de avarías. Comunicación das avarías aos servizos municipais. 

3.- Apertura e peche de edificios e locais. Posta en marcha e parada de instalacións, apagado e aceso de luces.

4.- Control do estado de mantemento e limpeza das instalacións. Reparacións sinxelas de fontanería, sanitarios, electricidade, informática. Revisión e mantemento da caixa de primeiros auxilios das dependencias municipais.