A veciñanza de Parga e o Concello de Guitiriz amosaron hoxe a súa unión para solicitar a ADIF que non execute ningún proxecto de supresión dos pasos a nivel en Parga ata que se conte coa aprobación veciñal e institucional. Ao encontro asistiron ao redor de 70 persoas e conseguíronse preto de 60 firmas.

Esta será a petición que se lle formulará ao Administrador de Infraestructuras Ferroviarias no escrito de obxección que enviará o Concello e que foi consensuado hoxe coa veciñanza nunha reunión celebrada no pavillón do CEIP Santo Estevo de Parga.

O encontro tamén serviu para recoller as firmas dos veciños e veciñas de Parga, que acompañarán ao escrito para plasmar deste xeito a unión institucional e veciñal. Aqueles que non puidesen asistir tamén poderán deixar a súa sinatura no documento se o desexan xa que estará á súa disposición na casa consistorial ata o 23 de xuño.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, reiterou que “nunca aceptaremos solucións que sexan perxudiciais para os habitantes de Parga” e deixou claro de que “tal e como está configurado Parga urbanística e socialmente a mellor alternativa é a construción dunha variante pero, sabendo que para ADIF é inviable e coñecidas as posibilidades reais, o mellor é manter os pasos a niveis existentes”. A rexedora adiantou que “solicitaremos que se realicen actualizacións no sistema de seguridade”.