Ruta PR-G 99

Nesta ruta seguirás o curso das augas dos ríos Veiga (ou Forxá) e Ladroil, afluentes do Parga. E este á súa vez do pai Miño. Tamén atoparás no camiño tres fontes de augas medicinais. E pontes e muíños.

E gozarás dun bosque de galería para camiñar co son das aves e da auga e a frescura no verán. E a melancolía no outono. Entre ameneiros, bidueiros, abeleiras e carballos; veigas, prados e pedras. Poderás dar un baño ou sentir a choiva.

O sendeiro comeza a carón da ponte e da capela de San Alberte, coincidindo co Camiño de Santiago.

Por aquí pasa o Camiño do Norte procedente de Baamonde que pouco despois, dentro de Guitiriz, divídese en dous camiños para chegar a Sobrado. Un polo alto da Serra da Cova da Serpe, e outro por Friol. Alcanzou relevancia na baixa Idade Media. Daquela, as peregrinacións marítimas estaban no seu apoxeo e Oviedo comezou a celebrar o Xubileu da Santa Cruz. Segundo a tradición San Francisco de Asís fíxoo en 1214.

Ponte de San Alberte

De posible orixe romana, o aspecto da ponte é baixomedieval (século XIV). Dous arcos desiguais , un claramente oxival, e outro diferente probablemente por reformas no século XVIII, pousan nunha pía central con tallamar. Por el pasa o Camiño do Norte e o Camiño Real A Coruña-Madrid.

Capela de San Alberte

Templo de estilo gótico (s. XIII-XIV) feito a base de boa pedra de cantería. Nel destacan os canzorros da cornixa (algúns con imaxinería erótica) e oito contrafortes que lle dan un aspecto impoñente.

No muro da cabeceira amosa unha ventá alongada con arco oxival, columna central coroada con estrela de David no centro, e con dous pequenos arcos de medio punto cara os laterais. A presenza da estrela e un xabaril labrado nun capitel interior leva a pensar que os promotores do templo foron os señores de Andrade.

Fonte de San Alberte

Fonte barroca ao pé do adro da capela. Dous canos deitan auga nunha pía a rentes do camiño. Segundo os devotos a súa auga nace baixo o altar da capela e din que é milagreira. A beber a súa auga tráese ós nenos con dificultades para iniciarse na fala ou persoas con doenzas da fala. Por iso tamén se coñece como A FONTE DA FALA. Tamén se acudía con endemoñados para solicitar a curación ó santo.

Tamén ao pé do Camiño, a uns metros ao SO da capela están as ruínas do antigo hospital de peregrinos. Todo este conxunto integrado nunha carballeira dálle ó lugar un aspecto inesquecible.

Neste marco celebrase anualmente a famosa Romaría de Santo Alberte o terceiro domingo de Maio. Numerosos fieis acoden a lavarse e beber da fonte, tocan a terra e fan as súas ofrendas e peticións ao santo.

Seguindo o camiño pasamos a carón do primeiro muíño da ruta, a uns 100 metros da capela. Despois do seu azud aparecen unhas grandes pedras no río, que no verán invitan ao baño. Camiñamos por un bosque de ribeira con moitos bidueiros, ameneiros, salgueiros,... comezamos a ascender suavemente por unha carballeira, o camiño xira á dereita e chegamos a unha zona máis alta e despexada onde confluimos cunha pista. Ós poucos metros chegamos a unha bifurcación cun monolito que indica Ruta da Auga. Comezamos a baixar de novo cara ó río, e chegamos á ponte e muíño do Pitero.

Ponte e muíño do Pitero (Km 1,9)

Despois de atravesar a ponte a carón do muíño seguimos á esquerda seguindo as indicacións dos paneis indicadores.

Uns metros máis adiante atopamos a represa con pasales do muíño de Pitero que está da outra beira. Deixamos a aldea de Prado só uns metros á dereita, case no km 3.

Iniciamos un lixeiro ascenso nunha zona máis aberta, con matogueira, na nosa man dereita. Esta zona ten un terreo máis irregular. Pode que sexa o tramo de maior dificultade da ruta e hai que prestar atención. No verán pegaranos o sol, o único tramo ata chegar a Guitiriz no que acontece isto.

No km 4,1 pasamos baixo a ponte da vía do tren e abandonamos a parte da ruta incluída en Rede Natura. Un pouco máis adiante atopamos a Fonte de Valdovín.

Fonte de Valdovín

Construída en pedra no ano 1950. As súas augas sulfuradas e fluoradas son recomendadas para doentes do fígado e dos riles, afeccións da pel e trastornos dixestivos e de apetito.

A cuberta é de 2002 e está acondicionada como área de lecer.

Capela de San Xosé e Cobertizos restaurados do Campo da Feira

Chegamos a Parga (km 5,5), onde temos moitos servizos e lugares para comer e descansar. Na mesma rota hai unha zona deportiva, parque infantil e zona de baño. Atravesando a ponte está a Carballeira de Parga. Na zona anexa están o Campo da feira cos seus cobertizos restaurados e a capela de San Xosé.

Tallas da Feira da Cantería no Campo da Feira

Celébranse dúas feiras mensuais, unha o domingo entre o 9-15 e outra o último domingo de mes.

Tamén se celebra a “Feira da Canteria, artesanía e callos” o terceiro fin de semana de xullo

Nela os canteiros da zona e de fóra compiten por lograr o honor de ser o mellor e un pequeno premio. Algunhas das obras van quedando expostas no Campo ou en lugares de Parga como a subida á igrexa de Santo Estevo.

Carballeira e área de lecer de Parga

Nela hai unha zona de lecer con mesas e grellas. Se cruzamos a ponte cara a outra beira chegaremos uns metros máis arriba á igrexa de Santo Estevo e ó Castelo de Parga.

Continuando a ruta pasamos polo muíño da Carballeira de Parga, restaurado, e que pode visitarse para velo funcionando concertando cita na oficina de turismo. Grupo mínimo 10 persoas.

Ao seu carón un panel fálanos das especies de anfibios, réptiles e libélulas protexidas no río Parga, que forma parte da Zona de Especial Conservación Parga-Ladra-Támoga, Rede Natura 2000.

Deixamos Parga seguindo baixo o bosque fluvial. No km 7,5 unha ponte leva ó muíño de Ferreira, a uns 100 m. Aquí únense os ríos Parga e Ladroil. A senda a partir de agora vai á beira deste último.

Continuamos uns 1500 m e atravesamos a ponte de Montemeá.

Sobre o km 9,5 a senda ábrese nun cruce de camiños. Á esquerda está a ponte de Moeiro. Seguimos os sinais indicadores e tomamos o terceiro camiño dende a dereita.

Seguimos baixo o dosel das árbores, e atravesando algún pequeno rego. No km 10, cando se une o río Boedo, hai unha zona do río que no verán apenas se move. E comezan a aparecer prados e campos, zonas abertas.

Achegámonos a Guitiriz e atravesamos unha ponte de madeira con bancos, xa vemos a vía do tren. Esta pasámola por debaixo, nun cruce de camiños (km 11,5). Podemos ver uns pasales no río.

O seguinte fito na ruta é a Casa da Auga. É un centro de interpretación con carácter didáctico e interactivo. Os aseos están sempre abertos. A uns metros está a zona de autocaravanas, un pequeno parque infantil, zona biosaudable e unha fonte orixinal.

Balneario de Guitiriz

Neste punto se nos desviamos uns 300 m á esquerda da ruta, cara o sur, atravesando a ponte sobre a vía do tren, chegaremos ó Balneario de Guitiriz. Actualmente o Balneario, pechado desde 2017, está en proceso de reapertura; pero a fonte de San Xoan está aberta ao público en horario de 8:00 h a 12:00 h de luns a venres e de 9:00 a 12:00 sábados e domingos.

Fonte de San Xoan

Tamén coñecida como "Fonte dos Santos", é de augas bicarbonatadas-sulfuradas sódicas, que flúen a 15º C cunha mineralización débil, con contidos alcalinos e de flúor.

Son estimulantes, desintoxicantes e antiinflamatorias. Especialmente indicadas para doenzas do fígado, aparato dixestivo, colitis, aparato urinario, hipercolesteremias, obesidade, diabetes de adulto, dermatoloxía (psoriasis, eczemas), estrés, reumatismos (artrose e aparato locomotor en xeral), litiase renal.

Se continuamos dende a Casa da Auga uns 200 m chegamos a un cruce con indicadores da ruta e un panel e unha fonte adicados ás mulleres lavandeiras. Á fronte doutro lado da estrada unha gasolineira.

Xiramos á esquerda para atravesar a N VI por un paso de cebra. Despois duns poucos metros xiramos á esquerda por unha pasarela de madeira, outra vez á beira do río, que agora chámase Veiga ou Forxá. Seguimos por un camiño cuberto de árbores e despois de 1 km chegamos á ponte de Forxá. Dende aquí (km 14) podemos achegarnos ó edificio máis impresionante da vila, a igrexa de Santa María, a 200 m.

Igrexa de Santa María e reloxo analemático

Nesta praza celébrase cada mércores o mercado de Guitiriz.

Atravesamos a estrada e continuamos polo camiño agora da outra beira do río. A ruta xira á esquerda nas proximidades da área de lecer de Sete muíños.

Nesta zona de lecer hai unha piscina construída no mesmo río Escádebas. Pode visitarse algún muíño dos 5 que lle daban nome ó lugar polas 7 pedras de moer que tiñan. Tamén se encontran alí un parque infantil, uns aseos públicos e a piscina municipal.

Alcanzamos a estrada xunto a un panel da ruta e xirando á esquerda continuamos por ela. Tomamos á dereita e alcanzamos a estrada LU-P-2301. Cruzamos o paso de cebra e tomamos a man dereita . Despois un camiño á esquerda que vai paralelo á estrada e despois á autovía A6. Chegamos a unha ponte que cruza sobre ela e tomamos o camiño de fronte. Despois dun tramo entre piñeiros chegamos á aldea de O Pazo. Alí pasamos diante do Pazo do Marqués de Camarasa, do que se conserva parte e a súa capela, xunto a unha granxa. Continuamos pasando polo cruceiro do mesmo nome.

Seguindo a ruta gozaremos das vistas de fermosos prados con vacas, e dos montes da Serra da Loba. Pasaremos a carón dun muíño reconstruído recentemente polos veciños no río Pardiñas, e chegando á aldea, á beira do camiño, dunha fermosa palleira tradicional.

Igrexa do balneario

Atravesamos a aldea e chegamos á explanada onde se encontra a fonte e o Balneario de Pardiñas. Nela tamén se celebra o famoso Festival folk de Pardiñas.

FESTIVAL DE PARDIÑAS

O 3 de agosto do 1980 a Asociación Cultural Xermolos inaugurou o Festival de Pardiñas.

Festival de música tradicional con máis edicións ininterrumpidas no seu haber, 41 en 2020. Polo escenario de Pardiñas pasaron grupos e gaiteiros galegos de recoñecido prestixio e tamén grandes artistas internacionais. Pero sobre todo ducias de asociacións culturais que, coma Xermolos, loitan porque non se perda a tradición galega.

A afluencia da xente e a imposibilidade de concentralo todo nun só día fixo que se alongase outro día máis con actividades como a mostra de instrumentos de música tradicional, en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos.

Tamén hai mostras de artesanía, exposicións de pintura, escultura, fotografía, cerámica, debuxo infantil, poesía, narrativa, feira dos libros, e pregón a cargo dunha escritora ou escritor...

Celebrase a primeira fin de semana de agosto na explanada do Balneario.

DESCARGAR


MIDE (Método de Información de Excursións)

Escala de 1 a 5 onde 5 é a máxima dificultade

Severidade do medio natural: 1
Orientación no itinerario:2
Dificultade no desprazamento: 1
Esforzo necesario: 3

19,6 km

No

193 m

129 m


Dificultade técnica : Fácil nos dous sentidos, Tempo : 6h 30min